Cenas-Coloquios - :::...FEAE Galicia...::: Forum Europeo de Administradores da Educación

Buscar
Vaya al Contenido

Menu Principal:

Cenas-Coloquios

CEA COLOQUIO - 2011
Un selecto grupo de integrantes e simpatizantes do FEAE de Galicia deuse cita nunha cea coloquio celebrada o día 8 de abril de 2011, na que se analizaron aspectos relacionados co currículo actual e a súa relación coa atención ás necesidades e urxencias de todos os colectivos sociais.

O relator convidado, Jurjo Torres Santomé, catedrático de Universidade de Didáctica e Organización Escolar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, fixo unha exposición breve, clara e concisa sobre a xustiza curricular nas aulas, nos centros e na sociedade.

Os asistentes á cea coloquio aportaron as súas experiencias e ideas a un coloquio que nos levou a formular as seguintes conclusións:

1. Debemos buscar o obxectivo básico e último do ensino que non é outro que educar persoas solidarias, autónomas, democráticas e libres, e que habitualmente queda eclipsado fundamentalmente polos currículos obrigatorios e polas políticas educativas dos diferentes estados.

2. Hoxe en día existe unha gran multiplicidade social, a todos os niveis, e esta multiculturalidade ten que contemplarse no currículo, para que todos poidan ter a mesma igualdade de oportunidades. E para isto é necesario que todos os estamentos da sociedade teñan a oportunidade de participar na elaboración do currículo.

3. Para que as familias poidan participar neste propósito hai que poñelos previamente en condicións adecuadas, non só facilitándolles gran cantidade de información, senón capacitándoas para entendela, interpretala e asimilala; e para iso é necesario subministrar os recursos adecuados. Polo tanto, a cuestión sería formar cidadáns solidarios, independentemente da existencia das materias no currículo.

4. Así mesmo é necesario concibir unha sociedade como un elemento educador de grande importancia. Deste modo os centros non se verán sós, illados e incomprendidos, senón formando parte da comunidade; sentiranse, polo tanto, máis útiles na educación dos cidadáns en idade escolar.

5. A sociedade terá que experimentar un cambio, xa dende o sistema educativo, a partir das grandes transformacións que se están producindo na sociedade, utilizando as tecnoloxías da educación e implantando a ecoloxía do saber para conseguir integrar todos os tipos de coñecemento.

6. No sistema educativo débense corrixir certas intervencións curriculares inadecuadas que se están a producir, tales como a infantilización do currículo, o paternalismo, a segregación, a exclusión ou a asignaturización. A universidade está dentro do sistema educativo e por tanto tamén ten os mesmos defectos.

7. Na actualidade os coñecementos existentes no mundo estanse a duplicar cada catro anos. Por isto será necesario establecer un cambio na educación, que fuxa do sistema memorístico, que a este ritmo será totalmente inviable.

8. O proxecto PISA establece uns indicadores internacionais de rendemento para avaliar os sistemas educativos. As probas, de lapis e papel, aplicadas un único día, non poden avaliar toda a complexidade dos procesos educativos.

9. PISA avalía os sistemas educativos dos países medindo as competencias do alumnado só en tres aspectos: a comprensión lectora, a alfabetización matemática e a alfabetización científica. Quedan sen avaliar as competencias doutras dimensións necesarias para o desenvolvemento persoal do cidadán, tales como: capacidade de debate, de comunicación, de expresión e de relación con outras persoas; coñecementos, destrezas e valores artísticos, capacidade literaria e histórica; capacidade de analizar, pensar e tomar decisións de carácter interdisciplinar; capacidade de resolución de conflitos; educación mediática; e todas as correspondentes aos temas transversais.

A Coruña, 8 de abril de 2001.

 
contador de visitas
Regreso al contenido | Regreso al menu principal